Axudas económicas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en ganderías para a prevención dos danos que poida ocasionar o lobo

Axudas económicas aos custos derivados da contratación de persoas coidadoras do gando en ganderías para a prevención dos danos que poida ocasionar o lobo

Obxecto
Este procedemento permite solicitar axudas para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, para pastoreo e manexo do gando como medida preventiva dos danos que poida ocasionar o lobo.


PERSOAS BENEFICIARIAS
Poderanse acoller a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún e equino que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.
Actuacións subvencionables. O investimento para a contratación de persoas coidadoras de gando en explotacións gandeiras, como elemento preventivo dos danos que poida ocasionar o lobo, que cumpran os seguintes requisitos:
a) O pastoreo exercerase sobre as reses da explotación gandeira e nos terreos destinados ao pastoreo do gando da persoa beneficiaria.
b) Poderán acollerse a estas axudas os contratos en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2026 ata o 30 de novembro de 2026.
c) Será obxecto de axuda a actividade de pastoreo que se realice a xornada completa (40 horas semanais), con redución proporcional no caso de xornadas inferiores . Ao comezar ou ao finalizar o contrato, de non alcanzar un mes completo, ratearase a subvención segundo os días de actividade de pastoreo e manexo do gando efectivos.
d) Deberanse indicar en todos os casos os terreos onde se van desenvolver as actividades de pastoreo para as cales se solicita a subvención.

A axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables e fíxase un importe máximo de 16.500 euros de axuda por persoa beneficiaria. Sen superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa. Nos casos dunha duración inferior ao mes ou dunha dedicación inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional á duración do contrato e á dedicación, cun límite de 9 €/hora efectivamente traballada. O número de contratacións por solicitante será dunha persoa coidadora de gando. En todo caso, a contía das axudas estará condicionada
á dispoñibilidade orzamentaria.


PRAZO SOLICITUDES: 17/12/2025 – 16/01/2026
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251216/AnuncioG0760-051225-0003_gl.html

Noticias Recomendadas

Please select listing to show.